viernes, 23 de agosto de 2024

TES FAME?


Xa a vira. Ansiaba vela de novo. Acabo de vela. “O que arde”, de Oliver Laxe. Esa película que, por onde pasou, arrasou. Arrasou como arrasan as lapas dun incendio; pero sen facer dano, máis ben deixando pouso, pegada, sinal a obra mestra. Porque é marabillosa!

Certo que o que máis destacaba todo o mundo, principalmente os críticos, eran eses primeiros minutos grandiosos, alucinantes, enormes, mesmo terroríficos; con esas máquinas nocturnas que semella que arrastran consigo a propia hecatombe, a propia apocalipse.


Porén, hai outro momento que me deixou coa boca aberta e o corazón tremendo de emoción na súa primeira visión e que acaba de abraiarme de novo. Nunca na miña vida vira tanto amor nunha simple frase, en dúas palabras, nunha pregunta. Nesa escena de cando Amador, ó saír do cárcere, chega á súa casa e se achega a súa nai, que se atopaba nunha pequena leira. A maioría das nais, ó ver a un fillo que volve logo de 10 anos ausente, o normal sería que deixara caer o mangado de nabos ou verzas, que sorrira e que botara a correr para abrazalo e comelo a bicos. Benedicta, a nai, con calma, mesmo con pachorra, achegouse a el e soltou a bomba preñada de amor: tes fame? Aí, nesa simple pregunta, vin o xesto de amor de nai máis grande que nunca vira e que, penso, que nunca verei.

Nada de bicos e abrazos. Estes non dan de comer. A nai sabía moi ben que podía necesitar seu fillo. Sabía de onde viña e, aínda que non o soubera, esa é a idiosincrasia do labrego, do labrego máis pobre que, vivirá na miseria, pero sempre terá corazón, vida, alma, amor a darlle cun sacho, e non xestos de agarimo que non alimentan un carallo.

Tes fame? Chegan esas dúas palabras, esa frase para saber toda a realidade dunha nai cara ó seu fillo, para descubrir que esa pequena pregunta está preñada de agarimo, de cariño, de afecto, de amor, de amparo, de protección, de nai, dunha nai inmensa e única. Tes fame?


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 22 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario