jueves, 8 de agosto de 2024

LATRICAR


Latriquei con forza. Latriquei moito tempo. Latriquei de seguido. E cando rematei, quedei baleiro. Quedei feliz. Quedei libre.

Latriquei sobre a disposición dos puntos sobre os is e da curvatura dunha vara aguillada cando camba. Baduei sobre a nugalla cando non hai ansia ningunha e sobre o voo dun saltón cando decide voar (o saltón tamén salta) Esbardallei sobre un guión mal escrito e peor representado e sobre unha tatuaxe debuxada nun cacho de pel branca.

Falei, case berrando, sobre a cuadratura do círculo e sobre a inercia dunha pelota que sae con forza dun pé con destino ó infinito e máis alá. Tamén latriquei, case en silencio, sobre o soño que se soña cando se deixa caer a cabeza sobre unha almofada branca, e sobra a vía do ferrocarril que se perde na negrura do túnel.


Baduei sobre a política que, por interese, ninguén me entende e sobre os versos que non consigo rimar aínda que elabore todo un poema. Baduei sobre o veleno que levamos nas entrañas e sobre os latexos que mancan no peito. Latricar, baballar, baduar, esbardallar, larapetar, laretar, airear palabras, espallar frases, predicar aínda que sexa no deserto, pregoar sentimentos, publicar pensamentos e ventilar desexos, simplemente, deixa a un no ceo.

E quedo libre, si, cunha sensación de baleiro, pero co estímulo de saber nadar entre indirectas que semellan directas, entre sensacións que se acomodan ó sofá da inercia. E con calma, con somnolencia sigo latricando, polo baixiño e amodiño, sobre a felicidade que se deita nun recanto da memoria, da miña memoria.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 7 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario