miércoles, 28 de agosto de 2024

FUNDINDO MINUTOS


Fundín uns minutos observando unha bolboreta sobre a faldra dunha muller. Foron pouco máis dun par deles porque a muller axiña a espantou cun xesto da súa man esquerda. Non obstante, seguín á papoia coa mirada e non tardou en pousar sobre unha cadeira da terraza. A bolboreta tiña diversas cores, predominando a amarela. Brillaba tan intensamente que era difícil apartar a mirada.

Aparteina e afundín outros minutos contemplando a propia muller na que pousara a bolboreta. Tan só outro par de minutos, pois pagou o café e marchou. Quedei só e en silencio. Nin tan sequera pasaron coches cos que distraerme. Quedei coma un paspán sen saber que facer.


Optei, entón, por afundir máis que un par de minutos en pensamentos que quizais non veñan a conto, pero que paso a contar. De cando souben que o universo era infinito e que me gustaría perderme por el. De cando un anxo negro ou un espírito maligno quixo expulsarme do meu lugar de nacemento. “Podes sacarme de Baños de Molgas, pero é imposible que saques a Baños de Molgas de min”, repliqueille nun amén. Marchou co rabo entre as pernas e eu... eu tamén quedei xa algo preocupado. Sabía que empezaba a non ser santo de devoción.

Vendo que os meus pensamentos ían por mal camiño, decidín fundir minutos en parolas intranscendentes, en sorrisos que abarcan todo un parágrafo novelado, en tatuaxes que sinalan gustos e etapas nas que todo vai e vén do dereito para o revés. Fundín minutos deixando caer pingas de orballo sobre desexos varios... os meus desexos. Fundín minutos nun berro eterno.


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 27 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario