sábado, 3 de agosto de 2024

O VIRUS DE DOUS MOSQUITOS... NEGROS


Como tampouco procede falar tres semanas seguidas dos Xogos Olímpicos (fíxeno a semana pasada e teño intención de facelo para a seguinte), non queda outra opción que buscar outras alternativas hebdomadarias, quitando tamén, por suposto, as políticas, por aquilo máis ben da miña disparidade maioritaria, de non comungar con rodas de muíño. Non me meto con ninguén (ou si, xa veremos) se busco, por exemplo, efemérides acaecidas durante toda a semana que nos deixou.

O luns pasado, 29 de xullo, fixo exactamente 220 anos que en Málaga se iniciou a epidemia da febre amarela, na que morreron, que se saiba, 11.464 persoas. Crese que ese virus orixinouse na África oriental ou central para propagarse inmediatamente á occidental, que, debido ó tráfico de escravos, tampouco tardou en chegar ó continente americano, alá polo ano 1647 na colonia inglesa de Barbados.


A febre amarela transmítese ó ser humano pola picadura do mosquito Aedes aegypti e outros deses xéneros semellantes, que se atopan xeralmente a menos de 1.300 metros sobre o nivel do mar, aínda que en zonas tropicais pódense atopar ata os 2.200.

Existe unha vacina efectiva para a febre amarela ou vómito negro, aínda que non se coñece cura, polo que cando persoas non vacinadas a contraen, só se lles pode proporcionar tratamento sintomático. E segundo a Organización Mundial da Saúde, hoxe en día, o vómito negro aféctalle a unhas 200.000 persoas cada ano e mata a 30.000 nas poboacións que non están vacinadas.


Tamén nese mesmo día, pero de 1836, é dicir, hai 188 anos, en España suprimíronse por real decreto o décimo católico, as primicias e outras prestacións deste tipo. A min faime graza o do décimo católico, de que tal supresión veña xa de tan antigo, cando eu, aínda que xa vou para vello, recorde perfectamente todo o que se levaba a igrexa á conta dos pombos. E quen eran os pombos? Os máis pobres, os que máis traballaban e, por suposto, os que menos tiñan. Porque entre uns e outros eran peores que ese mosquito que producía o vómito negro. O mosquito da Igrexa chupaba o sangue como o Aedes aegypti. Ata na similitude da cor negra (mosquito escuro, vómito negro e sotana dos curas) se xonguen perfectamente eses “dous virus”.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 3 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario