lunes, 19 de agosto de 2024

O UNIVERSO QUE ME ARRODEA


Contemplo todo o universo que hai ó meu arredor e deixo que o amor bruxo de Manuel de Falla anegue a cociña e os miolos do meu cerebro. En cada recanto un aparello e en cada aparello, nuns, tan só existe o baleiro e, noutros, ingredientes gastronómicos ou mesmo outros aparellos máis pequenos.

Portas abertas, portas pechadas, calendarios colgando, reloxos, dous funcionando e outro parado. Como a vida; ás veces avanza e outras queda quietiña; ou como moito suspira tan lentamente que semella incompleta. Tamén a nostalxia corre montada nun cabalo, mentres a señardade, pobre, sostense como pode sobre o lombo dun burro.


A música de Falla sobresae sobre o pouco ruído existente (hai aparellos que meten algo de ruído) e deixo que a cabeza se apoie contra a man esquerda para observar unha fermosa pulseira gris sobre un nocello de muller. Esta, á súa beira, deixa amosar unha caixiña chea de bólas de moitas cores, coas que, imaxino, seguirá a formar máis pulseiras ou outros traballos manuais.

Ás tres da tarde, todo ese universo que me arrodea segue no mesmo sitio porque na cociña estou eu tan só, case en penumbra, xa que non é plan que os raios da estrela amarela fagan deste lugar un forno. Aquí, nestes momentos, estamos o silencio, Falla e máis eu. Non queremos a ninguén máis. Tampouco queremos que ninguén rompa ou manipule a distribución dos obxectos. Para evitar o ruído. Para non alterar o sistema. Para non prexudicar á vista. Non hai como a rutina, como o silencio, como este universo sosegado e silandeiro.


Finca Fierro. Barbadás. Luns, 19 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario