martes, 6 de agosto de 2024

CORRER TEN O SEU MÉRITO


Corrín para rachar o silencio e para que a conciencia se bambeara sobre a galla dunha cerdeira. Corrín sobre uns gatiños que acabaron de aumentar a familia e sobre o desexo dun querer e non poder. Corrín detrás da procesión do San Salvador en Baños de Molgas, ata que cheguei á súa altura e pillei unha das súas andas. Corrín detrás do tempo e por diante dun pensamento. Ó mellor era dun sentimento.

Correr cando non se ten moitas ganas xa ten o seu mérito. Por iso case é mellor correr desde un sofá ou unha cama ou desde a cadeira dunha terraza ou desde dentro dun coche e que sexa este o que acelere. Correr por correr, ás veces, tampouco procede.


Porén, sigo correndo por unhas frases que se dixeron ou escribiron e tamén por unha faldriqueira que, pouco a pouco, se fixo para matar o tempo. Corrín arredor da fonte da Lameira e subín, correndo, os 103 chanzos da igrexa de Baños de Molgas. Baixeinos amodiño para correr os sete da Aira de Arriba. Deixei que a vista correse cara ó ceo azul na procura dos estoupidos dos fogos artificiais que se lanzaron antes da procesión. Corrín tras as badaladas que seguiron toda a procesión do patrón de Baños de Molgas.

Correr, cando se quere realmente correr, mesmo é bonito e axita as ideas para enlearse finalmente nunha estrutura poética que se axusta, que se acomoda ó ambiente dunha habitación en penumbra. Agora cada quen que pense nunha carreira rápida ou ó ralentí. Eu corro sobre a ilusión, sobre o soño que espera estomballado no sofá, na cama, na noite.


Finca Fierro. Barbadás. Martes, 6 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario