domingo, 11 de agosto de 2024

ESCURIDADE NA LUZ


Escuridade dentro da luz do día. A calor é tanta e tan intensa que hai que ter todo baixado. Mesmo a mente se atrofia un pouco ante tanto abafamento. A opción podía estar á beira do mar, por exemplo, aínda que fose en Sanxenxo (Sangenjo para los especiales), pois hoxe, nin á beira do río se estará ben. E por unhas ou por outras causas, algúns nin podemos estar en ningunha desas beiras. Toca apandar e aguantar.


Aguantemos coa conciencia tranquila e co recordo nos días frescos de cando, a luz, ilumina as ansias do benestar. Aguantemos coma heroes, como aguantamos, e nos gusta, a intensidade dun perfume que chega coa posterioridade dunha boa ducha. Estes días, moita auga corre por corpos espidos para refrescar os desexos e a memoria.

Escuridade na luz. Silencio no ruído. Berro no silencio. Preguiza na tarde. Pensamento que plana por entre o ceo azul da nostalxia. Ou da morriña. Ou da señardade. Que cada pinga de suor baixe amodiño polas pernas espidas dunha nugalla que asenta nun sofá. Ou nunha cama. A calor aperta. As ansias minguan. E a galbana acomódase deica a tardiña.

No silencio da soidade tan só un fío musical é quen de amortecer este pequeno calvario. Un calvario escuro, pero, si, un chisquiño máis fresco. Grazas a esa escuridade que se adaptou á luz do día. A tarde non dá para máis e hai que esperar a que o tempo pase e, polo menos, algo cambie. Esa calor abafante. Esas horas que arden. Ese sol que abrasa. Mentres, mellor quedar na escuridade da luz.


Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 11 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario