sábado, 24 de agosto de 2024

MAREANDO A PERDIZ


Levo tres días mareando a perdiz por entre as toxeiras que van da Porfía á Chaira, en Baños de Molgas, ata que tres nenos me dixeron que aquilo non era unha perdiz, que era máis ben unha codorniz. Confeso que os mirei de mala maneira. Eran uns mocosos que estaban a corrixir a miña acción... na que levaba xa tres días!

No cuarto día, e como as palabras dos cativos seguían a martelarme, a percutirme na cabeza, empecei a prestarlle máis atención á perdiz. Mesmo consultei pola Internet do móbil certas categorías zoolóxicas ou algo polo estilo para poder diferenciar as dúas aves. É máis, cheguei a botar man dun amigo para que me sacase do erro ou confirmase o meu seguimento.


Baixei cara á Baños de Molgas con cara de poucos amigos, principalmente cando pasei por diante dos rapaces, que alí seguían, sentados nun valado da Parrumeira, e vendo perfectamente como nas súas olladas brillaban as burlas máis esperpénticas. Ó chegar á casa do amigo abrandei o xesto e peteille na porta.

Logo de lle contar o caso, colleu a bicicleta e demos a volta con dirección á Chaira. Eu, para máis carallos, de paspán correndo detrás del. Ben que me puido levar a cabalo da bicicleta pola Pitediña, que todo é chan, pero nin llo insinuei por se mo collía a mal. Seguín botando os bofes ou os fígados detrás del.

Cando chegamos foi el o que me mirou de mala maneira. A min e ós rapaces, que empezaban a partirse coa risa. Aquilo non era nin perdiz nin codorniz. O que seica estaba a marear era a unha simple cría de xabaril. Enchéuseme a cara de vergonza.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 23 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario