sábado, 31 de agosto de 2024

ENCONTROS


Quedei cun escornabois no cruce de camiños das Pedradarcas. Non apareceu; pese a que o esperei media hora máis do debido. Con quen si me atopei foi cunha doniña no Formigueiro. A esta non lle fixen caso polo detalle ese de que non quedara con ela. Eu só me confío, só me abro con quen quedo. O meu veciño Filomeno quixo coller un día o tren na estación de Baños de Molgas para que o levase a Ourense, pero como non soubo abrir a porta do vagón, quedou en terra, é dicir, na plataforma, esperando a velas vir. Puido coller o autobús, pero dixo que el só viaxa en tren ou en catamarán. De rapaz só viaxou en burro e, unha vez, no lombo dun carneiro vello.


Eu quixen viaxar unha vez a un foguete espacial que botaban desde o Outeiro do Corno, moi cerquiña de Os Milagres, mais como non levaba o traxe de astronauta, non me deixaron subir. Custándome ir buscalo ó faiado da miña casa, case preferín quedar en terra. Quedei.

A miña veciña Saladina pediulle permiso ó cura para cantar no enterro da súa amiga Inocencia. Este non llo concedeu. Díxolle que ós enterros só se ía rezar polos defuntos, e non a cantar. Porén, Saladina botouse fóra da igrexa e do cemiterio, aganchou, agatuñou ó alto dun canastro da Aira de Arriba e cantou catro habaneras. Era tal a Saladina coma para que lle negaran os seus desexos.

Ó final parolei cun sapoconcho que se estaba a bañar na fonte da Lameira. Si, con este quedara máis tarde. E non me fallou. Botamos un bo cacho contándonos a nosa infancia. El é moito máis vello ca min. Xa tiña polo menos 100 anos cando eu nacín. Moito máis vello. Vaiche boa!


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 29 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario