jueves, 15 de agosto de 2024

MATEMÁTICAS BÉLICAS


Ulín o ambiente e souben que a composición química dunha bomba era o medo multiplicado por un berro e dando como resultado un inferno. Así de simple e de sinxelo. De simple, non; houbo que facer unha operación para, ó final, si, quedar nun exterminio, nunha aniquilación, nun xenocidio. Iso sendo tan só unha bomba. Se seguimos coas matemáticas bélicas, o resultado máis que doer, manca; máis que mancar, aterra, aterroriza; e máis que aterrorizar, esnafra, escacha, rebenta.

As matemáticas bélicas nunca teñen razón de ser, pero son; nunca teñen xustificación, pero aí están... unha e outra vez, unha e outra vez, unha e cen veces máis. E na aritmética está o número de explosións, de berros, de bágoas e de mortos; de desgrazas, de nais sen fillos e de fillos sen pais.


Malditas sexan as bombas que caen, as bombas que estoupan, as bombas que se fan. E malditos sexan os que dan a orde de deixalas caer, de lanzalas, de guindalas. Malditos tamén os que as deixan caer, os que as lanzan. Ningunha bandeira, ningunha fronteira, ningún patriotismo xustifica o caos, o pánico, a dor, os berros, as bágoas, o medo, o medo, o medo... e o silencio coa súa soidade. E a soidade abrollando por entre os ladrillos rotos, por entre os bloques de cemento desfeitos, por entre os cascallos que xa nin alcanzan o cualificativo de cascallos. E a dor empreñada co medo, con moito e máis medo. E ó medo sumámoslle a impotencia. E á impotencia restámoslle a imposibilidade. E a imposibilidade dividímola pola miseria, pola penuria, polos desprazamentos; quedando de resultado a nada, o baleiro, a apocalipse. Putas matemáticas bélicas!

Ulín o ambiente despois da catástrofe e foi entón cando a conciencia furgou por entre a inutilidade dos actos bélicos e por entre berros que quedaron, de golpe, mudos e por entre os saloucos que, agora si, mancan, doen para rematar nun por que? Nun simple e sinxelo por que?


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 14 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario