martes, 4 de febrero de 2014

AS CEAS DE EDUARDO VARIA


              O queixo de ovella era seco. Ó mellor era de vaca. Aínda que Eduardo Varia Duato pensaba que era unha mestura de vacún e ovino. É igual; el prefire o xamón, o xamón de porco. Todas as noites corta unhas boas lascas e cea con elas. Por enriba, iso si, que non falte unha cunca de caldo. E aquí si que é verdade que lle dá igual que sexa de verza do país, de verza branca, de repolo, de grelos ou de calquera verdura. Eduardo Varcia Duato, ante o caldo, é outro home na mesa. Non respira, non fala, non mira a televisión, non lle rosma á familia; tan só come no caldo. Bufa, resolla, pero non acouga; teno que comer case fervendo. E a poder ser coa graxa nadando á de riba. E nin así se lle revolve o estómago. Claro que tamén é verdade que lle miga codias de pan centeo. El mesmo di que é para que abranden, xa que o pan centeo, ó mellor, é moi capaz de ter xa oito días. Cocen o pan no forno veciñal e, claro, adoitan facer fornadas para unha semana, pois non van quentar o enorme forno todos os días. Eduardo Varia Duato arrouta e queda tan pancho.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 28 de xaneiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario