lunes, 10 de febrero de 2014

PENSAMENTOS ESTRAÑOS


              Leite de cabra, asubío de pardal e ruxerruxe no silencio. Quen lle canta a aquel neno? Mira que querer disparar un obús cun simple tirapedras! Hai que ser lambóns e furabolos para pensar que o espírito maligno, no fondo, é un personaxe bo, un personaxe que se enrosca por entre as mangas dun xersei cheo de oitos. Orella de burro, rabo de can e semente nunha estrada. Cómo pensas que eu penso que o río Arnoia é aquel que nace, corre e morre en Baños de Molgas. Todo en Baños de Molgas. Como se as troitas acougasen na Pitediña e as tartarugas esprintasen no Río Vello ou no mesmo Barricobos. Hai que mirar cara adiante se non te queres mover; para mirar para atrás teste que revolver. Ai raio de home, que pensamentos máis estraños ten hoxe. O río da vida asenta no espíito maligno que se acochaba por entre os amieiros de  Portugalego, ou da Tapada Nova. Catro nenos nadaban en pelotas nas frías augas do río de Tioira á altura do Río de Vide, mentres un quinto roncaba durmido no alto dunha toxeira. Hai que ser papamoscas para tirarse nunha toxeira!


              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 8 de febreiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario