viernes, 28 de febrero de 2014

A PUTA DE BASTOS


              Pola mañá, cando ía correndiño para o traballo, oín a noticia pola radio do coche e despois, pola tarde, vin a foto nos xornais. A foto impresionaba pola cantidade de xente. Pero non era ningunha manifestación. Non era ningún acontecemento deportivo. Non era ningún acontecemento musical. A foto amosaba colas no campo de refuxiados palestinos de Yarmuk, ás aforas de Damasco. Colas para recibir os paquetes de alimentos que reparte a axencia UNRWA (Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo), dependente da ONU. Ó ler o pé da foto é cando te decatas do que realmente significa a imaxe; as ringleiras de xente, as moreas de persoas esmirradas, tristes e famentas. Aí o impacto é brutal. Pensas nas guerras. Pensas nos israelitas. Pensas nos norteamericanos. Pensas nos ricachóns. Pensas nos bancos. Pensas nas armas. E nas ideas. E na barbarie. E na fame. E na conciencia dos que non teñen conciencia. E nos plenos políticos. E nas xuntanzas do grupo dos 20, do grupo dos presuntos ricachóns. Ricachóns en diñeiro, certo, pero pobres de espírito, que se lavan as mans ante tantos e tantos campos de refuxiados espallados polo mundo adiante. Porque haber hai uns cantos. Campos de refuxiados levantados porque o odio é ese as de ouros que todos levamos dentro, e as fronteiras son esa puta de bastos coa que a brisca ou o tute é un simple xogo de dous ou tres países.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 27 de febreiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario