viernes, 7 de febrero de 2014

AS GUERRAS SAIRÍAN MÁIS BARATAS


              As cifras ou cantidades, cando son moitas, a verdade é que asustan, incluso aínda que sexan para ben. Emporiso, neste caso que nos vai ocupar, son para mal, polo que asustan aínda máis. Din que o gasto militar dispárase en todo o mundo, pero principalmente en Asia. Por suposto, Estados Unidos segue sendo o gran líder con máis de 600 millóns de dólares; e China subiu o seu presuposto para matar xente unha barbaridade. Porque, a ver, entendo que os asuntos armamentistas son para matar xente, non si?, aínda que alegues defensa. É igual, matas para defenderte, pero matas. Xa sei que as guerras nunca se evitarán (ata poida que algunhas sexan necesarias), pero por que non as realizamos a paus?. Non é ningunha risa. De rapaces non faciamos iso?; veña, a pelexar! E ata que un se rendera. Agora sería o mesmo. Por exemplo, unha guerra en Galicia... todos a xuntarnos na chaira luguesa, e pau que te criou. Réndeste?. Non! Pois toma! E así, ata a rendición. Poida que algún trancazo mal dado mandase a un pobre home á outra vida, pero non a centos e a miles como están caendo baixo as armas que se mercan a feixes. Voto polas guerras a paus! Sairían moito máis baratas. Só habería que cortar trancas de carballo ou de castiñeiro. Para máis aquel, o castiñeiro aínda dá ganancias coas castañas. As balas e as bombas só causan mutilacións e mortes. Réndeste? Non! Pau que te criou! Ata que se rendan. Sen mortes. Tan só uns croques e pouco máis.


              Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 6 de febreiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario