sábado, 1 de febrero de 2014

O OUTRO FILLO


              Alá foi! Vinte anos, dous meses e dous días. 370.880 quilómetros. Son algo máis que cifras; tanto en tempo como en distancias. Son unha boa parte da miña vida. Pola mañá, as noticias de Radio Nacional. Polo mediodía, o programa musical Discópolis e, ás veces, Cando os elefantes soñan coa música, os dous de Radio 3. Polas tardes e as noites, algo de todo, pero principalmente música de casete. Si, o meu Filomeno aínda tiña casete. Hoxe, o pobre, xa non terá nada; acaba de facer o seu derradeiro percorrido… o do despece. Toda unha fin de semana (deixeino o venres) pensando nel, rindo polo baixiño sobre el. A ver!, máis dunha vez conseguiu rosmarlle a algún Audi, ou Mercedes, ou BMW. Cantos cabreos dentro del; porque, xa se sabe, todos os que te preceden son uns pasmóns, sempre teñen a culpa de algo, verdade?; ou ben porque te pasan coma frechas, ou ben porque van demasiado a modiño. Con el, algunha vez (poucas) tamén me cabreaba, pero tamén o facemos cos fillos e, porén, querémoslles. Si, está ben, pódese dicir, o Filomeno é o outro fillo. Seguro!; máis tempo nel que cos propios fillos. Alá foi! O meu cochiño! Certo, era da muller, pero… Pero quen o mamei fun eu; con risas, con bágoas (coa idade emociónome cada vez máis); con berros (calquera que me oíra) e con amor, con moito amor. Botareino de menos. O meu Filomeno!


              Café Paco Paz de Ourense. Venres, 31 de xaneiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario