viernes, 21 de febrero de 2014

NADA É O MESMO


              A dicir verdade, non é igual un cacharro de prata que un de ferro enterrado baixo un penedo. Tampouco é igual un verbo conxugado que un parágrafo mal escrito. A ver, hai que recoñecer que é moi difícil que as substancias sexan iguais. Cales? Ah, eu que sei; as substancias, os asuntos, os temas, as cousas, as paxarolas, as abeacas. Din que ata os xemelgos non son iguais. Vai ti saber! Nin é o mesmo un libro que outro libro, aínda que teñan ambos os dous as mesmas páxinas ou as mesmas encadernacións ou os mesmos capítulos ou incluso a mesma fonte das letras; chega cun acento mal colocado, cun interrogativo mal feito, cunha frase mal punteada para que os libros xa sexan distintos. Mira ti por onde... unha simple til. Como a vida. Non hai unha vida igual a outra, nin unha persoa que viva da mesma maneira cá outra. Dous pobres serán pobres pero un soñará sempre cunha futura riqueza, mentres o outro pensará a todas as horas na súa desgraza, na súa pena. Nada é o mesmo.


              Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 13 de febreiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario