miércoles, 5 de febrero de 2014

COMO VIRARON AS TORNAS!


              Quítalle ferro ó asunto. Que asunto? Cal ferro? O asunto é aquel que aconteceu nun tempo indefinido e nunha cidade calquera. Aínda que, ó mellor, era unha vila ou unha aldea. O tempo... ai si, o tempo era alá polo 1937, cando o meu pai andaba perdido por entre a néboa na fronte de Teruel. Arre demo, xa me acordo!; o asunto era aquela Guerra Civil, a que era nosa, a que se desenvolvía entre os roxos (os malos) e os nacionais (os bos). Naquel tempo. Agora, nos tempos de agora, os roxos ou malos son republicanos e bos, e os nacionais ou bos son golpistas e malos. Como viraron as tornas! Arre demo, xa me acordo!; o ferro era a pobreza, a miseria dunha guerra que os pobres soldados non entendían un carallo. E cómo ían entender uns rapazolos de aldea o que estaba a suceder nas altas esferas; puxéronlles uns fusís nas mans e, ale, matade inimigos. Que inimigos! Si, home, aquel que está no outro bando. Pero no outro bando teño dous irmáns. É igual; que estivera destoutro lado. A guerra. Porca guerra. Maldita guerra. Pobre xente. Miña xente.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Domingo, 2-2-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario