lunes, 24 de febrero de 2014

OS FILLOS DO MAR




              O venres pola tarde (21-02-2014), no pavillón Paco Paz de Ourense, rematei de ler o libro galego “Os fillos do mar” (2012), de Pedro Feijoo. Recoñezo que gocei bastante coas 427 páxinas cheas de aventuras, acción, humor e demostrando que en galego tamén se poden escribir bos best sellers. De verdade, custábame deixar de ler cando tiña que facer outras cousas.

              CONTRAPORTADA:

              Simón Varela é un mediocre arquitecto residente en Vigo. Un día recibe unha chamada dunha señora da alta sociedade viguesa, Isabel Llobet, para que lle faga unha reforma nunha fonte da súa propiedade, nun pazo de Canido. Ós poucos días de comezar a reforma, Simón atopa un cofre pechado. Simultaneamente, a señora, xa maior, morre en estrañas circunstancias. A partir de aquí, o arquitecto vese involucrado nunha intrigante trama na que tamén parece estar envolta a familia da muller morta.
              Novela de aventuras, novela de intriga, escrita con ton humorístico, a acción de “Os fillos do mar” condúcenos detalladamente a través do Vigo de hoxe, cidade que en boa medida protagoniza tamén a novela. Ó tempo, a trama cóbrese cun atractivo pano histórico que nos conduce ata 1702, na Batalla de Rande, aínda que deixa tamén os seus elos na Guerra Civil española e nos tempos do nazismo alemán.
              “Os fillos do mar” é unha novela trepidante, que viaxa constantemente no tempo para atopar as claves dun presente que o protagonista precisa desvelar.

              SOLAPA DA PORTADA:

              Pedro Feijoo (Vigo, 1975). A súa formación é filolóxica, aínda que ó longo dos últimos anos exerceu profesionalmente como músico, levando a cabo unha intensa traxectoria como produtor, compositor e membro dalgúns dos máis salientables proxectos musicais galegos.
              No ano 1997 publicou o seu primeiro libro, Cousas do “Galicia” por Castelao, ensaio no que se explica a importante relación do autor de Rianxo co xornal vigués que dirixiu Valentín Paz-Andrade entre os anos 1922 e 1926. No ano 2005 publicou “Viva o Fu Remol!”, unha crónica desde a que se tenta botar unha pouca luz sobre os moitos problemas dos que adoece o panorama musical galego. En 2011 publicou o relato “O segredo do viaduto” no libro XII “Certame Literario de relatos curtos Os Viadutos”.

              “Os fillos do mar”, a súa primeira novela, foi finalista do Premio Xerais de Novela 2011.

No hay comentarios:

Publicar un comentario