viernes, 28 de febrero de 2014

UN LIBRO DE CONTOS REAIS


              Flores de toxos no poema que vai máis alá nunha canción chea de nostalxia. A flor é bonita, pero o toxo pica. Sedeño de carro labrego na película que amosa cómo se rozan oitenta gavelas nunha mañá calquera. Asubío melancólico por entre a néboa para atopar o burro que non se vía ós tres pasos. Revolución triste ó lado dunha lareira. Non vale pelexar contra as inclemencias políticas, manipuladas por uns chupatintas con presunción de actores teatrais. Canto teatro hai na casa dos que se xuntan para intentar cuspir a mentira máis gorda! Caldeiro de auga quente na novela da infancia molguesa. A burga de Baños de Molgas daba para todo; desde caldeiros de auga ata ruxerruxes femininos e desde contos no seu mazadoiro ata xogos polo seu lavadoiro ou pía. Bocado de bica no almorzo dos pobres. Comíase moita bica. Había moita pobreza. Con catro ou cinco pensamentos espallados en algúns recantos da memoria énchese un libro de contos reais, de contos que hoxe ninguén cre.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 19 de febreiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario