sábado, 15 de febrero de 2014

COMA TODOS OS ANOS… HA ESCAMPAR


              Non se fala doutra cousa. Do inverno. Deste inverno. Frío. Chuvioso. Cru. Certo, a verdade é que está sendo un inverno cru e longo, moi longo. Longo principalmente na chuvia. Pero non na cantidade de auga caída. É certo que levamos moitos días cun tempo noxento. Pero tamén é verdade que cada vez que fun á aldea (e fun moitas veces) nin a auga nin o frío me impediron traballar na viña. A ver!, algunha vez tiven que resgardarme nunha chabola que temos alí, pero ós pouquiños minutos xa escampaba e, ale, volta á faena. Sei que a chuvia cansa, aburre e cabrea, polo que tan só se nos vén á mente o momento, a actualidade e axiña esquecemos o ano tal ou o inverno cal no que o río Arnoia lle chegou á segunda placa do hotel Ansuíña, por exemplo. Si, hai poucos días rebordou o Arnoia, pero hai que recoñecer que este río cando chega a Baños de Molgas desborda con catro gotas. Lembro invernos nos que as augas do río e as augas do regato das Lamas se mesturaban de tal maneira que A Pitediña e Os Campos semellaban unha auténtica lagoa. E logo de que lle vén a Baños de Molgas o de Venecia Ourensá? Lembro un ano (de cando ía á escola –xa choveu!-) en que tan só quedaban tres chanzos da Ponte Nova para que auga cruzase a estrada que vai do Alto do Couso a Allariz. Pero, sabedes?, coma todos os anos… ha escampar.


              Café Oren Express da Valenzá. Venres, 14 de febreiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario