jueves, 13 de febrero de 2014

AS VOLTAS DUNHA PELOTA


              Quítame esa palla que me está molestando no pescozo. E Harún Camiño Riotorto quitoulla cun sopapo que case mandou ó chan a Idacio Bispo Galego. Os dous estaban discutindo sobre as voltas que daba unha pelota sobre o dedo índice ou furabolos dun xogador de baloncesto. Harún dicía unha cantidade e Idacio rosmáballe con que esas voltas eran sobre o dedo medio ou pai de todos. E que terá que ver un dedo ou o outro!, exclamaba Harún. Ai, amigo, e non vai ter que ver; o dedo medio é máis gordo có outro e iso nótase, machiño. O de machiño alterou a Harún Camiño, polo que a discusión foi a máis. Eran amigos e semella que quixeron volver á nenez co asunto da palla (a ver se es capaz de quitarme esta palla!) Sucedeu o explicado xa; que Idacio Bispo case se viu escarranchado pola zafranada do seu amigo. Tiveron que intervir con urxencia os demais clientes do bar para que a cousa non fose a maiores. Ó final foi o propio dono do local o que os botou fóra cun “idea bailar a mona a outro lado”, ou sexa, á carreira. Saíron cambaleándose.


              Café Oren Express da Valenzá. Luns, 10 de febreiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario