miércoles, 15 de enero de 2014

A ESTACIÓN DO CADRO


              O cadro amosa unha estación do ferrocarril e Baltasar Pascuas Baal contempla a media ducia de arcos que o levan ós tempos de cando el collía o expreso camiño da capital do imperio. Eran tempos nos que, na despedida, se xuntaban uns cantos mozos para facerlle máis amena a espera a Baltasar. Eran tempos nos que, cando te ías, non era por uns días, senón por uns meses ou incluso anos. Tempos nos que a espera lle formaba un nó na gorxa porque atrás deixaba todo o que era seu. Baltasar Pascual Baal, vendo a estación do cadro, rememora aqueles trens vellos que, a maioría das veces, non tiñan calefacción e que, cando a tiñan, os apartamentos eran coma fornos veciñais. Rememora aquelas vacacións de Nadal onde os corredores do cabalo de ferro ían a tope e con xente tirada polo chan intentando dar unha cabezada. As noites no expreso eran demasiado longas, demasiado incómodas e demasiado tristes. Baltasar Pascuas sorrí, agora, vendo a estación de Baños de Molgas, a do cadro.


              Café Oren Express da Valenzá. Luns, 13 de xaneiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario