Un libro. Uns anteollos. Media
ducia de mesas. Varias cadeiras. Dúas televisións. Pingas de auga que caen
sobre a beirarrúa. Chove. Outra media ducia de persoas. Ruído na televisión.
Silencio nos pensamentos políticos. Un bolígrafo. Unha culler; pequena. Unha
cunca; pequena. Un soño. Un ronquido. Un xornal. A onde vas, Marcial? Marcial
anda perdido polas carballeiras dos pensamentos. Pensar que pensaba e non
pensei nada. Un cadro de fútbol. Un coche que pasa. Unha espera que desespera.
Uns ollos que van unha e outra vez a un reloxo que non avanza. Demo de tempo!
Raio de vida! Un calo que pica. Unha costela rota. Que doe. Que molesta. Mira
que querer trepar polas paredes do tempo. Coma se o tempo fora un rañaceos. Ou
a fachada dunha palleira calquera. Pensar que pensaba; pero a mente está en
branco, ou mellor dito, escura, negra, amorfa, ou sexa, que aí non hai nada. A
nada produce silencio. O silencio dorme no camiño.
Café Oren Express da Valenzá.
Luns, 13 de xaneiro de 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario