lunes, 27 de enero de 2014

CORRER

              O venres pola noite (24-01-2014) rematei de ler “Correr”, de Jean Echenoz, un libriño de tan só 149 páxinas pero que é marabilloso. Aínda que semella unha biografía sobre o corredor checo Emil Zátopek, é unha novela moi ben escrita e cunha certa ironía.

              CONTRAPORTADA:

              Nos Xogos Interaliados de Berlín, en 1946, ó ver detrás do cartel de Checoslovaquia a un só atleta torpe, todo o mundo se ri. E cando ese atleta, que non se decatou de que o convocan para participar na súa proba, atravesa o estadio coma un tolo berrando e axitando os brazos, os periodistas sacan veloces os seus cadernos. Pero despois, cando nos cinco mil metros e xa cunha volta de vantaxe acelera sen parar e cruza a meta en solitario, os oitenta mil espectadores estallan nun clamor.
              O nome dese mozo rubio que sempre sorrí non o esquecerán nunca: Emil Zátopek. O seu aire dócil e amable é unha trampa: desde que descubriu que correr lle gusta, xa ninguén o puido parar. O feito é que sempre quere saber ata onde se pode apurar. O estilo non lle importa: corre coma un escavador, a cara deformada por un ricto, sen aspirar á elegancia. É simplemente un motor excepcional sobre o que se esqueceron de montar a carrozaría.
              En poucos anos e dúas Olimpiadas, Emil convértese en invencible. Ninguén pode paralo: nin sequera o réxime checoslovaco, que en vano o espía, limita os seus traslados e distorsiona as súas declaracións. Emil corre, corre sempre. Corre contra a súa decadencia, e sorrí. Incluso nas minas de uranio onde o desterran porque apoiou a Dubcek, e tamén mentres segue con breves zancadas o camión que recolle o lixo de Praga. Nin sequera Moscú pode paralo.

              Como unha película proxectada a cámara rápida, a nova novela de Echenoz atravesa corenta anos dun destino excepcional e non obstante misteriosamente semellante ó noso, sobrevoa os golpes de mar da Historia, apaixónanos e conmóvenos. E agasállanos cunha escritura extremadamente limpa, encrespada desa impagable ironía que para Echenoz é só un pudoroso efecto.

              “Cada capítulo é un prodixio de ritmo, co autor acelerando e botando o freo, cun swing na escritura digno dos máis grandes libros de Echenoz” (Baptiste Liger, Lire).



              “Como sucede coa impresionante Ravel, en Correr, un libro espléndido, e non menos metafísico que aquel, nada é inventado. Pero non nos atopamos ante unha biografía. Trátase, pura e simplemente, dunha novela, vibrante, elíptica, irónica” (Nathalie Crom, Télérama).
              “En que pensa Echenoz cando escribe a vida de Emil Zátopek? Sen dúbida na mentira estalinista, no fascismo olímpico, na indecencia do poder, nas mitoloxías en venta, na avidez e a vaidade que intentan corromper ata o talento máis inocente e, por enriba de todo, na beleza do deporte e a flexible resistencia dun home a todo isto. Correr é un libro sobre a inocencia, exemplar en todos os sentidos da palabra” (Philippe Lançon, Libération).

              SOLAPA DA PORTADA:


              Jean Echenoz (Orange, 1947) publicou dez novelas nesta colección (Anagrama): “O meridiano de Greenwich”, “Cherokee” (Premio Médicis), “A aventura malaia”, “Lago” (European Literary Prize, outorgado en 1999 por primeira vez), “Nós os tres”, “Rubias perigosas” (Premio Novembro), “Voume” (Premio Goncourt), “Ó piano”, “Ravel” e “Correr”. No Salon du Livre de París de 1988, Jean Echenoz foi galardoado co Premio Gutenberg como “a maior esperanza das letras francesas”; así mesmo, nunha enquisa realizada por Le Nouvel Observateur, Jean Echenoz foi elixido o novelista internacional máis relevante das década dos noventa. A súa carreira posterior confirmou plenamente os prognósticos. Con “Voume” acadou un triunfo moi grande: a unanimidade entusiasta da crítica e medio millón de lectores nun ano. Tamén no noso país gozou dunha excelente acollida e Echenoz obtivo numerosos novos seguidores. En canto a “Ravel”, foi posiblemente o libro máis aplaudido e lido: “Apaixoante libro sobre o popular autor da emblemática peza musical  Bolero” (Cayetano Sánchez, Canarias 7  ); “Non é ningunha novela histórica. Moito menos unha biografía. E aí radica o interese deste espléndido libro que consegue darlle ós xéneros literarios un novo alcance” (Jacinta Cremades, El Mundo)

No hay comentarios:

Publicar un comentario