miércoles, 22 de enero de 2014

UNHA TARDE PERDIDA


              Quixo traballar pero o tempo non o deixou. Calímaco Combate Valor marchou á aldea coa intención de fochicar un pouco nos eidos, pero as treboadas aparecían cada dous por tres. E por esta vez non eran desas treboadas que pasaban axiña e que, logo, resplandecía o sol, co asomo do arco da vella incluído. Por esta vez, as treboadas duraban moito máis do normal e con moito frío por medio, tanto que se notaba a leguas que todo o que estaba a chover era neve esluída. Calímaco Combate Valor non tivo nin opción de ir á primeira leira; tan só puido cambiarse de roupa, pero nin as botas que tiña na palleira foi quen de poñer; a auga volveu asomar e de nada valeu a espera a que amainase. Canso de mirar cómo as pingas caían nos charcos xa formados e impotente por non poder facer nada, ou o que é peor, por unha tarde perdida, Calímaco Combate Valor cambiouse de novo de roupa, subiu ó coche e regresou á cidade medio cabreado. Maldita chuvia! Maldito tempo!


              Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 16 de xaneiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario