martes, 14 de enero de 2014

NOS RECANTOS DA MEMORIA


              Déitate no asubío dunha saba branca para que a folla do loureiro baile polas beirarrúas dunha discordia. Escribe. Soña. Mira para arriba. Corre para abaixo. E berra no medio e medio dun poema. Sorrí entre as catro paredes dunha caixa de axóuxeres para que a vida pegue media volta e retroceda ata os soños dun conto que nunca foi. Le. Acouga. Tose. Cuspe. Déitate ó lado do silencio.
              Deixa que os parafusos furguen nos recantos da memoria e que o lóstrego dunha treboada acubille o ruído dun trono. Queda cos pensamentos deitados no buraco dunha cereixola e que rachen os penedos nos que os golpes esculpiron unha infancia de moito medo. Pensas que non sempre é martes de entroido, e a realidade amosa un suspiro que non acaba nunca, un toxo que se crava na almofada de calquera tarde de inverno. Tangue as vacas para o monte da inocencia e busca os niños dos verderolos neses recantos da memoria. Berra. Cala. Xoga. Escoita. Durme, meu neno, durme. E soña.


              Café Oren Express da Valenzá. Luns, 13 de xaneiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario