lunes, 13 de enero de 2014

O TEMPO CORRE DE PRÉSA


              Ri a cachón. Semella feliz. Gabriela Forma Suárez faille carantoñas ó mozo e segue a rir. O mozo, Abdón Deus Demo (arre demo!), queda pampo e non sabe qué facer coas mans. Porén, opta por coller o paquete de tabaco, sacar un cigarro e poñerlle lume. Bótalle o fume á cara de Gabriela, que o recrimina. Que axiña pasou do sorriso á seriedade. Pero foi tan só durante un suspiro; Gabriela Forma Suárez volver rir e a burlarse de Abdón Deus Demo. A Gabriela coñécena pola Rata. Abdón ten de alcume O Rato (arre demo!). Son noviños; dezaoito ou vinte anos. Agora mesmo, ela monea coa cabeza; el dálle voltas na man dereita a un vaso de cristal. Ela pon a man esquerda baixo o papo; el enlaza as dúas sobre a mesa de mármol. Non se atreven a tocarse; aínda que cos ollos pódese dicir que xa hai tempo que están abrazados. Son noviños. Rin os dous a cachón. Semellan felices. Pero non avanzan. De golpe, bícanse (arre demo!). Ás veces o tempo corre de présa.


              Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 9 de xaneiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario