miércoles, 29 de enero de 2014

ERA E SENTÍASE GALEGO


              Limpa e esplendorosa. A bandeira. Pero non unha bandeira calquera. A galega. Faltaría máis!, pensa Dalmiro Bello Germes. E sorrí ante o seu propio pensamento. Aínda que ás veces tivo os seus máis e os seus menos con aqueles que atacaban a súa independencia, o seu nacionalismo. Dalmiro Bello era galego e sentíase galego. Faltaría máis!; así remataba case sempre as súas frases, ou mellor dito, as súas afirmacións. Cando escoitaba o himno galego, coma un resorte, púñase de pé. Estivese onde estivese e estivese con quen estivese. Era dos que enchía os organismos rexionais de escritos de reclamación se oía que neles non estaba exposta a bandeira galega e, logo, por suposto, de poñer a caldo ás altas esferas dese organismo. Faltaría máis! Dalmiro Bello Germes, nos bares e cafés, facía súa a frase de Castelao: “A miña patria é a miña lingua”. E a miña bandeira, remataba ensinando a insignia que levaba na solapa da chaqueta. Limpa e esplendorosa. A bandeira galega.


              Café Brétema da Valenzá. Martes, 21 de xaneiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario