miércoles, 15 de enero de 2014

LEONORA




Onte acabei de ler “Leonora”, de Elena Poniatowska. Foron 508 páxinas de boa literatura. Aproximación libre á vida dunha artista fóra de serie chamada Leonora Carrington. O libro acadou o Premio Biblioteca Breve 2001. Gustoume, a dicir verdade, gustoume moito.

              CONTRAPORTADA:

              Unha muller indomable, un espírito rebelde. Estaba destinada a crecer como rica herdeira dun magnate da industria téxtil, pero desde pequena soubo que era diferente, que a súa capacidade de ver o que outros non vían, de conectar cos animais, convertíana en especial. Desafiou as convencións sociais, ós seus pais e mestres, e rompeu calquera atadura relixiosa ou ideolóxica para conquistar o seu dereito a ser unha muller libre, persoal e artisticamente. Leonora Carrington é hoxe unha lenda, a máis importante pintora surrealista, e a súa fascinante vida, o material do que se nutren os nosos soños.

              Fantasiosa e excéntrica na súa infancia, desafiante na súa adolescencia, Leonora viviu a máis turbulenta historia de amor co pintor Max Ernst. Con el mergullouse no remuíño do surrealismo, e relacionouse en París con Salvador Dalí, Marcel Duchamp, Joan Miró, André Breton ou Pablo Picasso; por Max toleou cando o enviaron a un campo de concentración. A Leonora confinárona nun manicomio de Santander, do que escapou para conquistar Nova York da man de Peggy Guggenheim. Instalouse en México e alí culminou unha das obras artísticas e literarias máis singulares e xeniais.

              SOLAPA DA PORTADA:


              Elena Poniatowska naceu en París en 1932, pero con tan só nove anos trasladouse a México, onde se nacionalizou mexicana. A súa carreira iníciase no exercicio do periodismo, disciplina que nunca abandonou. Por esta labor déronlle en 1978 o Premio Nacional de Periodismo en México. Nomeárona Doutor Honoris Causa por oito universidades e galardoada co Premio Nacional de Lingüística e Literatura en 2002. Entre as súas novelas destacan “Lilus Kikus” (1954), “Ata non verte Xesús meu” (1969), Premio Xavier Villaurrutia, “Querido Diego, abrázate Quiela” (1978), “A flor de lis” (1988), “Tinísima” (1992), Premio Mazatlán, “A pel do ceo” (2001), Premio Alfaguara, e “O tren pasa primeiro” (2007), Premio Rómulo Gallegos. Tamén escribiu contos, reunidos en “De noite vés” (1979) e “Tlapalería” (2003), libros de entrevistas, ensaios e crónicas. A súa obra traduciuse a máis dunha ducia de idiomas e a súa traxectoria como periodista e escritora recoñeceuse con múltiples premios nacionais e internacionais. Acaba de obter o Premio Cervantes 2013.

No hay comentarios:

Publicar un comentario