jueves, 30 de enero de 2014

QUE DURO É FACERSE O DURO!


              Os fillos dan traballo e causan crebacabezas, pero quéreselles a morrer. Emporiso, hai momentos nos que non queda outro remedio que poñerse duros ou, polo menos, facerse o duro. E lánzaslle ameazas a eito, con tanta rotundidade que nos lles queda outra que facer o que se lle ordena. Inocentes! Mal pensan eles que se seguiran teimudos e aguantaran un chisco a bategada, ese amor de pais sería o causante do futuro perdón. Quéreselles a morrer. Máis de cando en vez é bo amosarlle polo menos un lado da cara chea de xestos duros, impertérritos, aínda que no outro lado as faccións colguen fláccidas e debuxen incluso ese cariño, ese amor que se sente por eles. Amosémoslle o lado escuro da lúa, pero sen perder a calor do sol do outro lado. Mais qué duro é facerse o duro con eles. E canto doe! Queda un máis fundido có propio sacrificado. Imaxino que co tempo entenderán todo, pero ata ese momento seremos os malos da película. É igual; que todo sexa polo seu ben.


              Café Paco Paz de Ourense. Mércores, 22 de xaneiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario