viernes, 24 de enero de 2014

A MEMORIA DA CHOIVA




Onte pola noite (xoves, 23-01-2014) acabei de ler o libro galego “A memoria da choiva”, de Pedro Feijoo, que escribiu o ano pasado (2013) e publicou Edicións Xerais de Galicia. Foron 469 páxinas de auténtico goce, cuns personaxes incribles e cunha historia que te mantén, no aire, en suspense ata o mesmo final. Logo, para máis aquel, asoman por aí os versos da miña amada Rosalía de Castro.

              CONTRAPORTADA:

              Cando Xosé Carneiro, coñecido psicanalista e polémico colaborador televisivo, aparece co peito aberto no seu piso da compostelá rúa República do Salvador, son dúas as cousas que chaman a atención do xornalista Aquiles Vega e da profesora Sofía Deneb. A primeira é a brutalidade, a violencia extrema con que o crime foi levado a cabo. A segunda, ese detalle que non encaixa na escena: unha estraña peza de ferro chantada no corazón.
              En realidade, a de Carneiro non é máis que a primeira dunha cadea de mortes en serie, unha carreira contra o reloxo na que Aquiles terá non só que comprender que é o que está pasando, senón cal é o papel que en toda esta historia xoga un dos nomes máis importantes da nosa literatura, aquel sempre rodeado de misterio e escuridade. E, sobre todo, terá que saber quen é Adriano...
             
              Logo do éxito recibido pola súa primeira novela, “Os fillos do mar”, regresa Pedro Feijoo cunha nova aventura, desta volta chea de versos, de sangue, de amor e de odio, pero mantendo intacta a súa máxima por bandeira: ante todo, o entretemento e o pracer de lectores e lectoras.

              SOLAPA DA PORTADA:

              Pedro Feijoo (Vigo, 1975). A súa formación é filolóxica, aínda que ó longo dos últimos anos exerceu profesionalmente como músico, levando a cabo unha intensa traxectoria como produtor, compositor e membro dalgúns dos máis salientables proxectos musicais galegos.

              No ano 1997 publicou o seu primeiro libro, Cousas do “Galicia”, por Castelao, ensaio no que se explica a importante relación do autor de Rianxo co xornal vigués que dirixiu Valentín Paz-Andrade entre os anos 1922 e 1926. No ano 2005 publicou Viva o Fu Remol! (Xerais), unha crónica desde a que se tenta botar unha pouca luz sobre os moitos problemas dos que adoece o panorama musical galego. En 2011 publicou o relato “O segredo do viaduto” no libro XII Certame Literario de relatos curtos Os Viadutos (Xerais 2012). Como novelista publicou Os fillos do mar (Xerais 2012, Premio “Arcebispo Juan de San Clemente” 2013), traducida ó castelán, e A memoria da choiva (Xerais 2013).

No hay comentarios:

Publicar un comentario