viernes, 10 de enero de 2014

BRÚAN OS PENSAMENTOS


              Química na ollada dunha cadela que contempla o buraco que hai un cacho fixo detrás dunha cancela. Pés humanos que trepan polo tronco e as gallas dun amieiro á beira esquerda do río Arnoia. Libro que se abre por unha páxina calquera porque un refacho de vento chegou con ruído e marchou con ímpeto de mal tempo. Xa quixeran algúns viaxar polo espazo sideral da conciencia. Ou da melancolía. Ou da nostalxia. Física nas patas dun boi tirando dun carro cheo de gavelas. Ou de herba. Ou de millo. Ou de leña. Ás de paxaro que planan polos penedos de Barricobos e polos lameiros do Río Vello. Canción que xeme un retrouso porque un rapaz labrego intenta correr o medo nunha noite calquera. Xa quixeran uns cantos acougar nun sofá de veludo para contemplar a vida con certa nugalla. Ou con parsimonia. Ou con lentitude. Ou con desgana. Brúan os pensamentos mentres o sono chega. Se chega. A ver cándo chega.


              Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 9 de xaneiro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario