sábado, 7 de diciembre de 2013

A CHAFALLADA DUNHA OPOSICIÓN


              Ben burros eran os once opositores que se presentaron a unha praza de técnico superior na Administración Financeira e Tributaria, que convocara a Deputación de Ourense. Suspenderon xa no primeiro exame. Tan só aprobou a filla do actual director do Servizo Público de Emprego estatal en Ourense, que seica é un dos cargos máis importantes do PP na provincia. Aaahhh carallo!, a cousa tenche o seu aquel. Agora entendo o asunto. Polo menos non son tan burro coma os outros once. Axiña caín da burra. E si que eran ben burriños, xa que algúns ata tiveron un cero de nota, que xa é dicir; tanto estudar para sacar un cero. Ou sexa, que non sabían nada de nada. Para que se presentaron? E ela, tamén, para que se presentou ó segundo, terceiro e coarto exame se era a única?. Ah si, por iso da chafallada. Porque non me diredes que isto non é unha trangallada, un paripé! Que lista a nena do ex alcalde de Ribadavia! Deixou ós seus contrincantes fóra de combate ás primeiras de cambio. Home logo!, non ía quedar ela soa na familia sen traballo. Seica a nai dela, tías e demais familia ou parentes están tamén ben colocadiños. Faltaría máis! Tan listos eles! Tan burros os outros seleccionados! Mira que sacar ceros a estas alturas! Para as oposicións á Deputación hai que fincar os cóbados, ou pensades que se entra polo bobilis-bobilis


              Biblioteca da Valenzá. Xoves, 5 de decembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario