martes, 24 de diciembre de 2013

LIÑAS DEREITAS


              Quen di que o fento verde bota fume? Co bonito que é levantar unhas baldosas de cemento cun aradiño de pau!. Corre. Chouta. Asubía. E quizais o bolígrafo percorra as liñas dun caderno cuadriculado. Liñas dereitas. Sen comas. Sen puntos. Sen parénteses. Sen significado. Pero liñas que van ata o infinito e máis alá. Quen se atreve a gravar o ruxerruxe dun verme luceiro ou dun sapoconcho na Tapada dos Ferreiros? Co bonito que é subir ós carballos desde os pinallos dos carros! Berra. Escoita. Chora.  Cala. Demo de rapaz, non te me sulfures por catro trapalladas que che escribo. Non queiras torcer as liñas nin os regos da túa vida. Nunca penses que un penedo vai rodar para arriba, cando na realidade non hai ninguén que o empurre. Mira. Xoga. Reza. Perdón, non reces. Para que? Ama. Odia. Acouga. Aloumiña. Por que non deixas que os teus pensamentos remansen un chisco no leito da túa infancia? Aínda es moi novo, rapaz, para recitar todo un poema. Cala. Queda en silencio. Durme, meu neno.


              Biblioteca da Valenzá. Xoves, 19 de decembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario