martes, 24 de diciembre de 2013

A PROFESIÓN DE XACINTO MITOLO


              Quedei farto de mentiras, dixo Xacinto Mitolo. Pero ninguén lle contestou. Ninguén quixo caer no garamelo. Todos sabían por onde ían os tiros. Todos coñecían a Xacinto, O Radical. Pódese dicir que a súa profesión era a de protestar sempre. Contra o que fose. Contra quen fose. Se lle chaman O Radical era, como non, polas súas ideas políticas, é dicir, que non tiña ideas; tan só barallaba contra todos os políticos. Porén, non caían no lazo por protestón, senón polas formas. Tiña mal perder. Nunca aceptaba un consello e moito menos unha alusión ás súas ideas. Púñase coma un basilisco! Se fose eu quen mandase…!, e miraba de esguello para os oíntes que había na barra do bar. Esta é outra; só barallaba nos bares. Fóra deles, Xacinto Mitolo nin tan sequera saudaba ós seus veciños. Coma se fose mudo. Todo o mundo dicía xa que, co seu silencio, estaba a argallar as sentenzas que botaría cando entrase noutro bar. Pensaba poucas porque axiña entraba noutro.


              Biblioteca da Valenzá. Xoves, 19 de decembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario