sábado, 7 de diciembre de 2013

NAS CUNETAS DA INDIFERENZA


              Pinga de auga nun caixón da memoria. Fento verde nun círculo que se debuxa entre catro palleiros mal postos. Hai movementos continuos nos latexos dun balón de fútbol pateado por corazóns adolescentes. Raio de sol nunha artesa que garda os poemas dun pipiolo, de cando o silencio era a sombra da censura, de cando as ideas durmían deitadas entre unhas raias torcidas. Non se pode alterar o tempo. Non se pode loitar contra o momento. Materias sinxelas en catro libros de texto. Títulos en negriña e o demais… o demais en falsa cursiva, con palabras que non din nada e parágrafos desconformes.
              Gota de suor que cae na caldeira da ignorancia. E todos tan felices. Porque o tempo é o camiño que tira cara adiante. Non hai retroceso. Non toquemos a memoria histórica. Para que? Quen quere fantasmas?. Deixemos que o que foi quede en silencio. Para que facer ruído?. Co ruído ninguén se entende. Gota de ansiedade que cae sobre unha novela barata. Escrita con catro parvadas que remata nunha frase lapidaria: os mortos daquela época dormen nas cunetas da indiferenza.
              Bágoas que caen por entre os panos brancos dunha memoria que nunca esqueceu a verdade, pero que a durmiron a base de represión, silencio, moito silencio.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 5 de decembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario