martes, 3 de diciembre de 2013

POLO ESPAZO SIDERAL


              Quedei coa boca aberta de tanto contemplar o universo. É grande de raio! Está cheo de silencio, de calma, de sosego. Orbitei por todos os planetas e fixen parada e fonda nun satélite calquera. Como hai tantos, non sei cal era. A lúa, non, porque esa coñézoa. Xa estiven alí varias veces. Mentres descansei, oín varios asubíos que rompían ese silencio. Un sentino tan cerca que ata me meteu o medo no corpo. Pero vin o que eran... cometas que pasaban a gran velocidade, coma lóstregos acendidos de luz e cor. Que susto, meu Deus! Quixen seguir un coa mirada, pero non foi posible; tan só acadei ver un ronsel de luz e, iso si, moita cor. Que bonito! Ata por isto xa merece a pena o susto, o sobresalto. Cando cansei de asentar, de campar no satélite descoñecido, emprendín de novo camiño polo espazo sideral para coñecer novos mundos. Nada, tan só planetas, satélites, cometas e silencio, moito silencio. Que bonito! Aínda sigo coa boca aberta. É tan grande o universo!


              Biblioteca da Valenzá. Martes, 26 de novembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario