sábado, 21 de diciembre de 2013

BUSCANDO CABEZAS DE TURCO


              Tres pasos para adiante e catro para atrás. Así avanzan as promesas dos que sempre queren ganar. Os que se presentan a algo. Na nosa sociedade, xeralmente, os políticos. Ruxerruxes. Promesas. Trapalleiros. Pero valen para enganar. Teñen boa labia. Sóbense ó púlpito máis alto e cospen restras de desexos, de obras, de leis. E acenan coas mans. E deixan ver sorrisos de Profident. Aínda que despois, a algúns, lles caian os dentes ante os golpes, os sopapos de certos erros. Mais non cansan, nin escarmentan. Nin aprenden. Porque volven unha e outra vez. Volven subir ás tribunas para máis ruxerruxes, para máis promesas e, claro, para máis trapalladas. Pasa o tempo e xa son dous pasos para adiante e catro para atrás. Todo vai de mal en peor. Emporiso, non conseguen asumilo. Sempre lle botan a culpa a alguén. Poden levar anos mandando que son incapaces de corrixir un erro dos anteriores. E como son incapaces, si son capaces de lles botar a culpa a aqueles. Fano con tanta confianza que non lles importará incluso botarlles a culpa ós “roxos”, por exemplo. E ollade que xa choveu. É igual; alguén ten que facer de cabeza de turco. Se non son os máis achegados, a ver!, por que non poden ser os “roxos”. Os tempos, máis ou menos, son os mesmos. Ditadura. Censura. Inquisición. Cunetas. Volverán as cunetas.


              Café Paco Paz de Ourense. Venres, 20 de decembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario