miércoles, 11 de diciembre de 2013

O REPERTORIO DE VALENTE


              Mequetrefe. Badulaque. Pamemo. Mexericas. Pasmón. Valente Sanitas Mínguez solta todo o repertorio e non sabemos por que nin a quen vai dirixido. Está sentado nun banco branco da Deputación. Todos os bancos que hai pola súa vila son da Deputación. Todos os bancos son brancos. Aínda que a Valente Sanitas Mínguez dálle igual a cor. Nin tan sequera está a pensar na cor dos bancos. El, polo que se ve (perdón, polo que se oe), anda ó seu; buscando grosarías, definicións mal soantes para dirixirllas a non sabemos quen. Piollo. Malnacido. Parvo do cu. Furabolos do carallo. Valente Sanitas tose. Tose con forza. Con tanta forza que semella que vai botar os bofes. Semella que se trousa, que rebenta. Deixa os ollos en branco e el mesmo pensa que se lle bota o mundo enriba. Bota unha man ó peito e coa outra golpea no banco branco da Deputación. Pouco a pouco acouga, a tose vai a menos e os insultos volven ir a máis. Chimpafigos. Porcallán. Paspán. Babeco. Logo empeza a topenear. Axiña dorme.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 4 de decembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario